ABANCA e Afundación apoian a Ucraína coa entrega de fondos a Cruz Vermella e Save the Children

  • O importe entregado procede das doazóns realizadas por empregados, clientes e outros cidadáns comprometidos na conta solidaria habilitada polo banco

  • ABANCA e Afundación, en colaboración con AGA-Ucraína, enviaron ata o de agora á zona de conflito 92 toneladas de axuda humanitaria

  • O banco e a súa Obra Social facilitan apoio a AGA-Ucraína na organización do voluntariado e a recepción de refuxiados


Na imaxe, persoas voluntarias colaboran na carga do camión que partiu da nave do Polígono de Pocomaco, na Coruña, co material de axuda.

ABANCA e Afundación continúan coa campaña solidaria de apoio aos cidadáns e refuxiados de Ucraína iniciada o 3 de marzo. No marco das diferentes accións postas en marcha, o banco e a súa Obra Social realizaron esta semana unha primeira entrega a Cruz Vermella e Save the Children dos fondos recadados a través da súa conta solidaria ES80 2080 7208 3385 3000 7122.


Grazas ás doazóns realizadas por empregados, clientes e outras persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa solidaria conseguíronse reunir ata o momento 271.487 euros. A conta segue habilitada para que calquera que desexe sumarse e realizar unha achega poida facelo.


O director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, foi o encargado de asinar os acordos de colaboración con Cruz Vermella e Save the Children, que destinarán o importe recibido a diferentes proxectos que están a desenvolver ou van desenvolver a curto prazo para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada pola crise humanitaria, con especial atención á infancia.


A apertura da conta solidaria é só unha das medidas impulsadas por ABANCA e Afundación para axudar a Ucraína por mor do conflito bélico. O banco e a súa Obra Social colaboran estreitamente desde o inicio da crise coa asociación AGA- Ucraína, a quen cederon unha nave no Polígono de Pocomaco, na Coruña, que se habilitou para o seu uso como centro de operacións e almacén de doazóns. As tres organizacións fretaron conxuntamente catro transportes de axuda humanitaria que conseguiron levar desde A Coruña, Santiago, Ourense e León ata a zona de conflito 92 toneladas de material de primeira necesidade, como medicamentos, roupa de abrigo, alimentos ou produtos de hixiene.


ABANCA e Afundación tamén están a facilitar apoio a AGA-Ucraína na organización do voluntariado e na recepción de refuxiados, ofrecendo cando é necesario un espazo apropiado no que dar a benvida ao noso país ás persoas que chegan fuxindo da guerra.

Outra decisión adoptada desde o primeiro momento é a gratuidade de todas as transferencias que se realicen a Ucraína desde as contas de ABANCA.




O Resumo Edición Nº 500 - 22 de Abril de 2022

Fuente: comunicacion.abanca.com 21.04.2022

2 visualizaciones