top of page

Os Fogos iluminan Santiago de cor

O espectáculo tivo 1.500 disparos desde cinco puntos durante dezasete minutos

Os Fogos do Apóstolo 2023 PACO RODRÍGUEZ

Toda boa festa debe rematar cun espectáculo pirotécnico á altura do programa, e Santiago non é unha excepción. Iso si, Compostela ten unha rareza engadida, porque os seus fogos «maiores» chegan no medio do calendario festeiro, neste caso uns minutiños antes de que comece o 25 de xullo, Día de Galicia.


Onte foi un día de orballo e chuvia mañaneira, pero, chegada a hora dos Fogos do Apóstolo, ás 23.30 de onte, as predicións mantiveron o ceo ben despexado para que se puidese gozar do espectáculo máis importante do ano, que nesta ocasión chegou da man de Pirotecnia Igual, empresa que ata o de agora non traballara para o Concello de Santiago.


Foron dezasete minutos nos que a intensidade da cor tivo un protagonismo moi especial, con grandes bombas, algunhas tintinantes, seguidas de figuras xeométricas combinadas con elementos florais.


Tanta cor, sobre todo vermella, verde e dourada, estivo acompasada cun espectáculo de luz e son que enriqueceu o resultado final, se cadra para lembrar cando os Fogos de Santiago se baseaban en proxeccións sobre as fachadas da catedral ou do pazo de Raxoi e tiñan moita aceptación entre composteláns e visitantes. O ceo encheuse tamén de corazóns, aneis, palmeiras e moitas estrelas, símbolo da cidade e do Camiño de Santiago. Cometas e moitos tipos de flor engadíronse ao espectáculo, cunha intensa traca final de múltiples cores e deseños cun ruído propio de colofón.


A pandemia mudou moitas cousas, e unha delas foi a filosofía dos Fogos do Apóstolo, que agora se botan desde cinco puntos distintos da cidade, o que fai que as mellores localizacións para velos non sexan nin a praza do Obradoiro nin a Alameda, que si agasallaron ao público que se achegou ata estes espazos con vistas parciais, pero moi espectaculares.


Xoán A. Soler

A distribución dos puntos de lanzamento fixo que moitos composteláns que outrora non terían espazo no Obradoiro saísen ás rúas ou ás privilexiadas fiestras dalgúns barrios para ver os fogos, pero o ambiente de festa trasladouse especialmente ao monte Pedroso.

Este é o mellor lugar, sen dúbida, para conseguir unha imaxe dos cinco puntos de luz que onte iluminaron o ceo dende o parque Eugenio Granell, o barrio das Fontiñas, a carballeira de Santa Susana (Alameda), As Cancelas e a Cidade da Cultura, no monte Gaiás. Pirotecnia Igual, empresa catalá con 120 anos de experiencia, xa fixo no 2021, en Sitges, un espectáculo múltiple como o que onte ofreceu en Santiago, no que botou 390 quilos de material pirotécnico en cada punto de lanzamento, coa particularidade de que todo os elementos empregados na súa composición son totalmente biodegradables.


O público que esta noite quedou con gañas de máis luz e barullo, ou non puido gozar destes Fogos do Apóstolo, ten a posibilidade de ver o día 31 o segundo espectáculo das festas de Compostela, que mantén a tradición dos coñecidos como «fogos pequenos», que só poden considerarse cativos coa comparación da pirotecnia de onte, porque, neste caso só haberá un punto de lanzamento, na Cidade da Cultura.


A tirada desde este lugar, dos máis altos de Santiago, contribúe a que a pirotecnia, da que non se sabía practicamente nada do seu deseño ata o momento do lanzamento, poida verse desde boa parte da cidade e agasalle o público cunha nova imaxe icónica de Compostela, a dun espectáculo pirotécnico da Cidade da Cultura como marco, e non a catedral compostelá.




O Resumo Semanal - Edición Nº 559 - 27 de Julio

Fuente: lavozdegalicia.es 25.7.2023

5 visualizaciones

Comments


bottom of page