top of page

Regresa a campaña "Días Azuis" para dinamizar o comercio galego

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez; e o director de Banca de Particulares de Abanca, Manuel Nogueira; presentaron este mércores a sétima edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.


O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez; e o director de Banca de Particulares de Abanca, xunto a outros representantes dos comerciantes na presentación de "Días Azuis para o Comercio Galego".

Trátase da edición de xuño da campaña "Días Azuis do Comercio Galego", que contará este ano con outra convocatoria no mes de novembro. Deste xeito, os organizadores queren potenciar o fomento, estímulo e impulso do comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector na nosa Comunidade Autónoma, como un dos máis afectados pola crise derivada da pandemia de covid-19.


A edición de xuño de "Días Azuis do Comercio Galego" desenvolverase entre o 7 e o 30 de xuño, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións da nosa Comunidade Autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 12.000 euros, repartidos nun total de 64 tarxetas prepago regalo, de 250 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina web da campaña ou solicitar ao comerciante que faga o rexistro.


A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Conta coa colaboración de Abanca, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.


Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou que esta iniciativa se suma ao programa Bonos Activa Comercio, que está en marcha ata o mes de agosto, e que supón un novo impulso para que o consumidor merque nos establecementos de proximidade e poder reactivar as vendas e o hábito de visitar e consumir no comercio galego.

Tamén suliñou a necesidade da innovación e a dixitalización do sector e marcou coma reto superar os máis de 100.000 tickets de compra rexistrados. Do mesmo xeito, remarcou a implicación e a colaboración entre as tres entidades para realizar os “Días Azuis do Comercio Galego”, así como outras moitas actividades que se están a plantexar en pro da dinamización e competitividade do sector.


Pola súa banda, o director de Banca Particulares de Abanca, Manuel Nogueira, aproveitou para reivindicar o compromiso da entidade financeira co pequeno comercio e repasou algunhas das iniciativas comerciais postas en marcha para amosar este apoio. Nogueira destacou “as propostas do banco para contribuír á reactivación dos negocios de proximidade” e tamén “as respostas en materia de crédito e apoio á dixitalización para afrontar os retos que xurdan nos vindeiros meses”. O director de Banca Particulares tamén puxo en valor a proximidade da proposta do banco para os comercios, que unifica xestores especializados, capilaridade de rede e produtos á medida das súas necesidades. Manuel Nogueira tamén constatou que “o fin do estado de alarma, tal e como vimos na última entrega do Observatorio ABANCA by IESIDE, significou unha recuperación da actividade comercial, que tende á converxencia cos datos previos á crise”.




O Resumo Edición Nº 462 - 4 de Junio de 2021

Fuente: economiaengalicia.com 2.06.2021

6 visualizaciones

Comments


bottom of page