A entidade financeira rubrica con AEGU un texto de colaboración que permite dar resposta ao colectivo cun catálogo a medida de produtos e servizosO centro de educación superior especializado na empresa de referencia en Galicia e AEGU selan un acordo de colaboración académica e profesional
ABANCA e IESIDE apoian os proxectos dos empresarios galegos na diáspora con senllos convenios de colaboración firmados coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU). Estes novos textos de traballo conxunto buscan dar continuidade ás dúas ideas empresariais, reforzar a competitividade destas ou impulsar o xurdimento de novas.
Os textos foron rubricados polos representantes de AEGU, María Sandra Canedo e Diego Antelo, así como polo director de Non Residentes de ABANCA, Alberto Cacharrón, nun acto que tivo lugar na sede da asociación en Montevideo (Uruguai). A entidade financeira fortalece desta maneira o nexo que une aos empresarios de Galicia e do país suramericano, á vez que se compromete coa viabilidade e o crecemento destes proxectos.
Grazas a este convenio, o banco pon a disposición das empresas asociadas un plan de financiamento que responde de maneira integral ás necesidades do colectivo. O novo documento inclúe produtos especificamente deseñados para afrontar investimentos que permitan reforzar a competitividade dos seus proxectos.
A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e relacionadas co día a día da súa actividade comercial. Neste epígrafe, os empresarios contan cunha póliza de crédito con atractivas condicións de contratación. Adicionalmente, dispoñen das tarxetas de crédito Visa Business e Visa Tú, con amplas posibilidades á hora de personalizar o pagamento das compras realizadas.
Os asociados de AEGU tamén poden acceder xa a produtos de aforro creados para adaptarse ao seu perfil. O catálogo inclúe desde fondos de investimento ata un depósito combinado con fondos de investimento, pasando pola tarifa plana de valores.
Do mesmo xeito, os empresarios poden optar ás vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
O acordo de colaboración acadado entre IESIDE e AEGU establece un marco de actuación conxunto para o desenvolvemento de iniciativas vinculadas tanto co ámbito académico implementado en IESIDE, como na contorna empresarial de AEGU. Neste sentido, o centro de educación superior especializado na empresa de referencia de Galicia oferta aos integrantes de AEGU a posibilidade de acceder aos seus programas formativos de primeiro nivel nunhas condicións especiais. Así, desde o reputado Grado en ADE, o único oficial privado con dobre titulación internacional de Galicia, ata os mestrados profesionais, programas especializados, de dirección xeral e in-company, e as tres modalidades de MBA (full-time, part-time e executive) contarán con descontos vantaxosos a raíz deste acordo.
Precisamente, a oferta financeira de ABANCA inclúe dúas modalidades de préstamo persoal dentro da súa liña ABANCA Estuda que permiten fraccionar o pagamento dos programas de grao e mestrado de IESIDE, con condicións vantaxosas.
AEGU, pola súa parte, contribuirá a esta colaboración coa participación de profesionais de referencia no ámbito da empresa uruguaia para participar en encontros, ben presenciais, online ou blended, de interese para ambas as dúas entidades, así como na promoción de relacións académicas ou empresariais de impacto positivo para AEGU e IESIDE.
Este acordo circunscríbese no proxecto estratéxico de internacionalización de IESIDE que reforza, así mesmo, o seu fomento do desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para favorecer as sinerxías académicas e profesionais nun marco de relacións interculturais. O recente convenio con AEGU potencia, por tanto, a presenza de IESIDE como institución de educación superior no continente americano.
O Resumo Edición Nº 396 - 29 de Noviembre de 2019
Fuente: comunicacion.abanca.com 28.11.2019
Comments