top of page

As novas restricións á mobilidade moderan a actividade comercial

segundo o Observatorio ABANCA by IESIDE


  • A sétima entrega do informe de big data de medios de pago de clientes galegos analiza o período do 5 de outubro ao 1 de novembro, incluíndo o primeiro fin de semana de novas restricións

O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a sétima edición do seu informe sobre a evolución da actividade comercial en Galicia. Esta nova entrega comprende o período do 5 de outubro ao 1 de novembro, polo que mostra o impacto sobre a actividade económica das restricións á mobilidade aplicadas na fin de semana do 30 de outubro ao 1 de novembro e das restricións de horario que entraron en vigor o 26 de outubro.


O informe sinala unha moderación xeral da actividade no mes de outubro como consecuencia do avance da segunda onda de contagios. O nivel xeral de actividade quedou situado un 2% por baixo do momento anterior á crise e un 1% por baixo de outubro de 2019.


A caída da actividade na última semana de outubro respecto de hai un ano é especialmente acusada en sectores como a hostalaría (-39%), moda e complementos (-38%), hoteis (-65%) e discotecas e espectáculos (-80%).


Sepáranse desta tendencia xeral algúns sectores con comportamento diferenciado, como o comercio de produtos de alimentación, que tras un novo repunte sitúase un 30% por encima dos niveis previos á crise. No mes de outubro, as compras en alimentación foron un 28% máis elevadas que no mesmo período do ano anterior.

Situación similar obsérvase nas vendas das farmacias, situadas nun nivel de actividade un 15% superior á etapa pre-crise e un 30% por encima do nivel de hai un ano.


Outros sectores do comercio

Respecto de outubro de 2019, o comercio minorista segue de media un 5% por baixo. Considerando unicamente a última semana de outubro, marcada polas novas restricións, o descenso é do 6%.


O sector presenta unha elevada disparidade entre os seus diferentes compoñentes. A moda, unha das actividades máis negativamente afectadas, mantense un 27% por baixo do ano anterior, situación que se acentúa a última semana (-38%). Mellor comportamento, aínda que tamén en negativo, presentan as vendas de deportes (-11%) e estética e benestar (-6%). Pola contra, fogar e multimedia, máis compatibles coa situación de limitación da mobilidade, presentan senllos crecementos do 14%.


O gasto en lecer sufriu unha nova deterioración polas novas restricións. A peche de outubro era un 24% inferior ao do mesmo mes de 2019. Considerando unicamente a última semana do mes, obsérvase un descenso aínda maior, do 46%. Tamén moi afectados, hoteis e restaurantes seguen unha pauta similar, con descensos da súa facturación na última semana do 65% e o 39% respectivamente respecto de 2019.

As axencias de viaxes son os establecementos máis afectados polo covid cunha actividade un 88% inferior ao mesmo período de 2019. Pola súa banda, a actividade en transporte (incluíndo gasolineiras) tamén sofre unha caída respecto de hai un ano, neste caso do 31%.


Distinto comportamento entre as provincias galegas

Estas conclusións, así como o resto das ofrecidas polo informe, aplícanse con diferenzas nas catro provincias galegas. A Coruña é a provincia que experimenta unha maior resistencia en lecer, Lugo mantense como a provincia con mellor evolución do comercio minorista, e Ourense, provincia que tivo máis restricións, presenta o peor comportamento das actividades de lecer, que tamén rexistran un destacado descenso en Pontevedra.





Descarga los contenidos anexos


Fuente: comunicacion.abanca.com 5.11.2020

6 visualizaciones
bottom of page