Estará dispoñible para o nivel inicial, facilitando o seu seguimento sen horarios nin datas

Unha nova versión do Celga en liña permitirá por primeira vez a autoformación en lingua galega. A Xunta acaba de incorporar esta posibilidade no nivel inicial, o 1. Deste xeito, non só estará dispoñible a fórmula titorizada contando co seguimento dun profesor, que suma 150 prazas, senón que a partir de agora flexibiliza este primeiro achegamento á lingua galega ofrecendo a opción de cursar os contidos sen depender de horarios e podendo inscribirse todos aqueles que o desexen.
«Isto vai permitir a universalización do inicio do Celga 1. Este é o curso no que se matriculan nun 90 % persoas de fóra de Galicia», destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, subliñando que non haberá límite de prazas e, ademais, permitirá que «todos os interesados se poidan matricular en calquera momento e ir facendo o curso en función das súas necesidades». Unha medida, salienta, que terá especial incidencia xa que o nivel 1 do Celga é o máis universal e que prevén extrapolar posteriormente ao resto do niveis do Celga.
Nesta nova opción do Celga ao que se pode acceder a través no Portal da Lingua Galega non hai datas específicas de acceso nin cómpre un proceso de matriculación. As persoas usuarias desta modalidade de autoformación poderán avanzar na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Está distribuído en doce unidades con vinte actividades cada unha delas, detallou o responsable de Imaxín|software, Diego Vázquez Rey. Ademais, segundo destacou o secretario xeral de Política Lingüística, as propostas están adaptadas á lectura fácil para facilitar a aprendizaxe da lingua a aqueles persoas que teñen dificultades lectoras ou de comprensión. Esta nova ferramenta estará dispoñible a partir deste xoves 18.
Durante a presentación desta nova ferramenta para a iniciación do galego tamén participou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que incidiu na flexibilidade que aporta esta autoaprendizaxe. Unha situación que ofrece aínda máis facilidades para que os descendentes de galegos se poidan aproximar á lingua ou para aqueles que están pensando en volver a Galicia.
Exames en liña
Agora a Consellería de Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) —dirixida por Mar Pereira— seguirán traballando para avanzar na acreditación de coñecementos en liña. Nese senso, Valentín García explicou que a intención é que as probas se poidan desenvolver tamén en liña. Non será para os exames deste ano, senón para os vindeiros. Precisamente se publicou hoxe no DOG a convocatoria deste 2021. Deste xeito, desde este xoves os interesados en obter os certificados de lingua galega nos niveis 1, 2, 3 e 4 deben anotarse antes do 12 de abril. As probas desenvolveranse entre os meses de maio e xuño de forma presencial se a evolución da covid-19 o permite.
O Resumo Edición Nº 452 - 19 de Marzo de 2021
Fuente: lavozdegalicia.es 17.03.2021
Comments